Tuesday 14 de May de 2024

O concello de Riveira conta con 1.483 afiliados ao Réxime Especial do Mar, a cifra máis alta da ría de Arousa


Tendencia alcista no número de traballadores do mar do noso municipio ao incrementarse nun ano en 165 persoas

O alcalde de Riveira mantivo na mañá de hoxe unha reunión co director do Instituto Social da Mariña en Vilagarcía, Carmelo Castro Durán, no que este lle dou conta de que Riveira é o municipio con maior número de afiliados ao Réxime Especial do Mar de toda a ría de Arousa: un total de 1.483 segundo datos a 31 de decembro de 2014, o que representa o 19,5 por cento do total (7.610 en toda a ría).

Ademais, polo que se refire a Riveira cómpre destacar tamén a tendencia alcista no número de afiliados, ao incrementarse en 165 con respecto á anualidade anterior.

Séguenlle ao noso municipio o de Cambados (1.342), Vilagarcía (1.076), A Illa de Arousa (1.068), Boiro (926), O Grove (749), Rianxo (602) e A Pobra (364).

Embarcacións
Por outra parte, cómpre destacar tamén que a ría conta con 2.102 embarcacións censadas, o que constitúe un 20% do total que hai en España. Das mesmas, 362 están adscritas ao municipio de Riveira.

Segundo manifestou Manuel Ruiz, estas cifras denotan que pese as dificultades a ría de Arousa e Riveira en particular seguen a ser referentes da actividade pesqueira e marisqueira e que, neste contexto, a nova lonxa debe ser clave no impulso do sector e mellora da comercialización dos produtos do mar.